Sunday 28 de April de 2024

A campaña Decidámolo Xuntos recolle case 700 propostas veciñais


En total participaron 272 veciños de forma individual, 195 a través do formulario da páxina web municipal e 77 veciños a través das caixas de correos

Finalizada a campaña “Decidámolo Xuntos”, iniciativa de participación veciñal para a elaboración dos orzamentos municipais, o goberno local e os técnicos estudan agora as máis de 700 propostas que achegaron os cidadáns. Agora estanse estudando as propostas desde o punto de vista técnico para saber a viabilidade dos proxectos, iniciativas e demandas achegadas polos veciños.
O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, quere agradecer publicamente aos veciños e asociacións que participaron na campaña de recollida de propostas para a elaboración dos orzamentos. ?Quero agradecer o entusiasmo co que se fixeron as propostas tanto dos veciños a nivel particular como as feitas polas diferentes asociacións nas catorce reunións celebradas ata agora. Recibimos moitísimas demandas que non podemos incluír nos orzamentos pola súa natureza pero que se atenderán de igual forma. Contestarei un por un a todos cando analizásemos cada iniciativa cos nosos técnicos para saber a prioridade e a viabilidade das mesmas?.
En concreto, o executivo diferenciou entre propostas que se poderían meter no capítulo de investimentos e outras que se axustan a gasto corrente. Ademais, moitas son queixas ou suxestións que non se poden integrar nun documento contable pero que se terán en conta para a súa execución.
Desta forma, os veciños achegaron 253 propostas de investimento, moitas delas repetidas, e 433 suxestións, queixas ou demandas que, aínda que non poden ir no capítulo de investimentos, atenderanse fóra do proxecto orzamentario.
En total participaron 272 veciños de forma individual, 195 a través do formulario da páxina web municipal e 77 veciños a través das caixas de correos colocadas nas diferentes parroquias. A isto hai que sumarlle a participación das asociacións veciñais nas 14 reunións que se celebraron ao longo de setembro e outubro.